Máis de 500 persoas gozaron da exposición ‘Castelao. Grafista’ no museo municipal de Ponteareas

Máis de 500 persoas gozaron da exposición ‘Castelao. Grafista’ no museo municipal de Ponteareas

O Concello convida á veciñanza a participar nos actos de homenaxe ao artista que se desenvolverán a partir do 28 de xaneiro co gallo do Día de Castelao

Ponteareas segue a ter moi presente a figura de Alfonso Rodríguez Castelao. Máis de 500 persoas pasaron polo museo municipal da vila para desfrutar no último mes da exposición ‘Castelao. Grafista’, unha mostra que reunía unha rigorosa selección de máis de 200 obras que amosan a evolución deste artista referente na ilustración gráfico no século XX. Un rotundo éxito desta exposición na que o Concello de Ponteareas colaborou con Afundación Obra Social ABANCA, a Fundación Gonzalo Torrente Ballester, e Real Academia Galega de Belas Artes e Turismo de Galicia que permitiu ademais recadar alimentos non perecedoiros a favor da Federación Española de Bancos de Alimentos.

“Para nós é un orgullo a implicación e o interese que ten a nosa veciñanza pola figura dun dos intelectuais galegos máis importantes da nosa historia, un verdadeiro humanista e un referente de loita, amor e traballo polo noso país en cada unha das moitas facetas que desenvolveu ao longo da súa vida”, salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba. Unha homenaxe que continuará nos vindeiros días cos actos organizados polo Concello de Ponteareas co gallo do Día de Castelao e que levará a figura do escritor e pensador a todos os recunchos da vila de balde.

Máis de 500 persoas gozaron da exposición ‘Castelao. Grafista’ no museo municipal de PonteareasAs actividades arrancarán cunha exposición de láminas de Castelao en once centros e casas culturais de Ponteareas, ata onde o público poderá achegarse para gozar da obra do artista dende o 28 de xaneiro ao 12 de febreiro. Estas mostras desenvolveranse en Arcos, Areas, Cillarga, Guláns, Muíños de Oliveira, Padróns, Xinzo, Arnoso, Bugarín, Celeiros e Guillade e todas as persoas visitantes poderán participar no sorteo de camisetas de Castelao.

O mesmo 28 de xaneiro, a biblioteca municipal acollerá de 17.00 a 19.00 horas un obradoiro de iniciación ao manga impartido polo artista ponteareán Sergio de Arcos, gañador de numerosos premios de creación na modalidade de banda deseñada. O taller, no que tamén se darán unhas nocións de banda deseñada, está dirixido a público maior de 12 anos e contará cun máximo de 15 prazas. As persoas interesadas poden xa inscribirse no correo electrónico bibliotecamuseo@ponteareas.gal ou chamando ao teléfono 986 640 765.

Xa o luns 30 de xaneiro, a biblioteca municipal será o escenario no que a agrupación Polo Correo do Vento representará o seu contacontos ‘Periplo Atlántico’, unha versión escenificada moi libre do relato de Castelao ‘O negriño panchiño’. Será ás 17.30 horas con entrada libre ata completar aforo. É ás 18.30 horas celebrarase unha ofrenda floral na Avenida de Castelao, ao carón da placa na honra do escritor, que estará amenizada polos gaiteiros dos Muíños de Oliveira.

Groba convida a todas e todos os ponteareáns a participar neste amplo programa de actividades co que homenaxear a este pensador, escritor e artista galego e seguir difundindo a súa obra e o seu quefacer en moi diversas facetas.