Máis de 350 nenos e nenas daranse cita en Ponteareas no Gran Premio Mini BTT Escola Borja Gómez Méndez

Máis de 350 nenos e nenas daranse cita en Ponteareas no Gran Premio Mini BTT Escola Borja Gómez Méndez

 

Terá lugar o domingo 5 de xuño a partir das 10.00 h no parque da Bouza Vella

 

Ponteareas converterase esta fin de semana en epicentro do ciclismo todo terreo. O Club Ciclista Ponteareas organiza este domingo 5 de xuño en colaboración co Concello e coa Federación Galega de Ciclismo unha nova edición do Gran Premio Mini BTT Escola Borja Gómez Méndez, que reunirá a partir das 10.00 horas no parque da Bouza Vella, en Ganade, a máis de 350 nenos e nenas.

 

Participantes de entre 5 e 14 anos de todos os clubs de Galicia competirán nesta proba para equipos federados nas categorías de benxamín, promesa, principiante, alevín e infantil.

 

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, convida a toda a veciñanza a gozar deste novo evento deportivo “que permitirá a todas e todos os espectadores desfrutar dos espazos naturais que temos na nosa vila ao tempo que continuamos fomentando o deporte”. O edil quixo agradecer en nome do Concello “o esforzo que fai o club deportivo para organizar actividades deportivas que atraen visitantes a Ponteareas”.

 

Pola súa banda, dende o Club Ciclista Ponteareas queren dar as grazas ao Concello e a todas as entidades que colaboran e se implican na realización deste evento, en especial á Comunidade de Montes Veciñal en Man Común de Areas pola cesión do terreo para a celebración da proba.