Máis de 200 elementos lumínicos de nadal acenderán este domingo día 1 para dar a benvida ao Nadal

O espectáculo “A luz do camiño” precederá ao acendido de nadal para percorrer con todas as familias o centro urbano

O goberno de Ponteareas convídaos ao acendido das luces de nadal este domingo día 1 de decembro a partir das 17:30 horas que arranca a animación de rúa co espectáculo “A luz do camiño” ao pé da gran bola lumínica de 17 metros de diámetro. Antes na carpa da Praza Maior, a partir das 16:30 horas, poderemos facer as nosas compras no mercadiño solidario e arredor das 18:30 horas será o momento de facer brillar o centro urbano.

Con todas as luces colocadas xa en máis de 30 rúas e prazas para para ambientar o centro urbano, o concello adxudicou a través dun concurso público a colocación e mantemento do alumeado especial de nadal que ten un custe total de 39.930,00 ive incluído.

Máis de 210 elementos lumínicos repartidos en 69 cortinas lumínicas, 64báculos, 44 decoracións en árbores, iluminacións en fachadas de edificios municipais e prazas, carteis de nadal, diferentes motivos varios e 1 bola de luz xigante atrezarán Ponteareas. A toda esta ornamentación súmase o atrezzo de rúa e unha pirámide de 9 metros colocada nunha rotonda.

Un alumeado singular, innovador e atractivo, baseado na sustentabilidade, a través do uso de novas tecnoloxías máis eficientes e sostibles coma o LED no que priman as cores brancas cálidas con formas de cortinas lumínicas, cordóns, guirnaldas e fíos de luz en rúas e fachadas. Nas rotondas predominan as estruturas cónicas e unha bola de grandes dimensións coronará a praza da Música donde arrancarán as festas de nadal con animación de rúa.

O programa de nadal está deseñado, unha vez máis, para satisfacer o gusto de públicos diversos e con actividades para toda a familia. Non faltará a música, os obradoiros, as exposicións e por segundo ano consecutivo os Ranchos de Reis cobrarán protagonismo para prolongar esta tradición que Ponteareas soubo conservar ata os tempos actuais. O domingo 22 de decembro a partir das 17 horas o II Festival Internacional de Danzas de Reis percorrerá as rúas de Ponteareas para conquistar o escenario do auditorio municipal ás 18h.

A concelleira de Promoción Económica adianta que a pista de patinaxe abrirá o 3 de xaneiro ata o 30 de xaneiro para reactivar as compras e que a clientela do comercio local atope un novo premio pola súa fidelidade.

Baixo a carpa da praza Maior desenvolveránse diferentes actividades infantís para que as familias gocen de tempo libre para facer as súas compras mentres as cativas e os cativos aprenden xogando.