Luz verde á rehabilitación do edificio para o Centro de Dinamización Empresarial de Ponteareas

O Concello obtén os permisos de Patrimonio para a rehabilitación con fondos europeos dos dous andares do coñecido como edificio da Seguridade Social

O recoñecido estudio de arquitectura Irisarri Piñera deseñará este espazo baixo as premisas do estudo de dinamización empresarial e impulso do emprendemento de Ponteareas

 

Patrimonio autoriza as obras do Centro de Dinamización Empresarial, que se realizará baixo a dirección do premiado arquitecto Jesús Irisarri seguindo as directrices do estudo de dinamización empresarial e impulso económico”. Así o informa a concelleira de Promoción Económica do Concello de Ponteareas, Eva Gil.

 

O goberno de Ponteareas activa un novo apoio ao sector empresarial e informa que se procederá á contratación da redacción do proxecto de execución do Centro de Dinamización Empresarial, que estará situado nos dous andares que o Concello ten no coñecido como edificio da Seguridade Social e que ofrecerá un importante servizo para o desenvolvemento de iniciativas empresariais.

 

A rehabilitación deste espazo enmárcase dentro da estratexia de crecemento “Ponteareas, hábitat saudábel” e conta co apoio dos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea co obxectivo de revitalizar a economía local e orientarse cara actividades de produción e comercio sostíbel.

 

Previamente, e dentro da liña de traballo planificado marcada polo goberno local, realizouse un estudo de dinamización empresarial e impulso do emprendemento en Ponteareas, que analizou e avaliou as carencias e fortalezas marcando as liñas de necesidades de servizos e espazos que este sector precisa.

 

Recoñecido con importantes premios de nivel internacional, o estudio de arquitectura Irisarri Piñera seguirá estas premisas para acondicionar máis de 320 metros cadrados, onde as persoas emprendedoras e as pequenas empresas atoparán un espazo tecnoloxicamente eficiente para poder desenvolver o seu traballo.

 

Segundo indicou Eva Gil, este será o primeiro espazo municipal que ofreza un smartlab, un viveiro de empresas e posibilite o coworking, entre outras actividades encamiñadas a facer máis competitivo o noso tecido empresarial. Ademais, a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández, sinalou que o edificio tamén acollerá o servizo de asesoramento cualificado en materia das TIC (tecnoloxías da información e comunicación) destinado a persoas e micropemes ofrecido pola Deputación e que, actualmente, se localiza no Centro de Desenvolvemento Local (CDL).

 

A maiores, o proxecto contemplará un espazo móbil que se localizará no exterior do edificio, converténdose nun espazo público vinculado ao centro de dinamización empresarial, que permita xerar dinámicas participativas na rúa. Facilitará a celebración de conferencias, charlas, talleres, exposicións, debates ou proxección de películas.

 

Con esta iniciativa o goberno materializa ademais un dos obxectivos enmarcados na estratexia de obter infraestruturas que permitan desenvolver novas iniciativas e servizos demandados pola veciñanza. “O primeiro Centro de Dinamización Empresarial supón un apoio imprescindíbel para o traballo colaborativo, para fornecer o tecido actual e para lanzar novas pequenas empresas que poidan atopar un espazo estratexicamente situado que os conecte con todos os servizos”, explica Eva Gil.

 

A concelleira de Promoción Económica engade que este servizo chega, ademais, nun momento, no que se precisa máis que nunca o uso das novas tecnoloxías e o apoio firme das administracións para fomentar os valores locais relanzándoos cara o exterior.

 

A adquisición deste estratéxico espazo no epicentro do centro urbano supuxo dotar ao concello de patrimonio para ofrecer novos servizos á cidadanía, pero tamén unha contribución á reactivación do casco antigo da vila.