O Langostino crocante gaña a II edición de “Bocados de Outono”

A Concellería de Comercio, Hostelería e Consumo, que dirixe Inés Vidal, entregou o galardón ao establecemento responsable da tapa gañadora da segunda edición de “Bocados de Outono”.

Cunha puntuación de 9,46 puntos a tapa de “langostino crocante, escabeche agridoce de shiitake e mousse de boletus” resultou a gañadora de “Bocados de Outono” ao conquistar o paladar do público participante.

Deste xeito, Ángel Martínez e Víctor Otero responsables do restaurante A Xanela Gastronómica e creadores da tapa gañadora recibiron da man da Concelleira de comercio o galardón que recoñece o seu esforzo e bo facer. 

Dende A Xanela Gastronómica animan ao resto dos hosteleiros ponteareáns a participar en vindeiras edicións “xa que este ano foi un éxito e un pracer participar nunha competición tan san. Agradecemos ao público o seu apoio ao votar favorablemente a nosa tapa e tamén lles damos as grazas por participar no roteiro gastronómico. Tamén queremos darlles os parabéns ao resto dos locais e á concellería que fixeron posible esta edición de Bocados de Outono”.

A Concelleira de Comercio fai un balance moi positivo desta última edición, enmarcada na programación da Feira de Outono, que vendeu arredor de 2500 tapas e pinchos despertando o interés dos visitantes na gastronomía de Ponteareas.