‘La invención de Hugo’ chega este domingo 12 á Casa Cultural de Guillade

‘La invención de Hugo’ chega este domingo 12 á Casa Cultural de GuilladeA proxección será ás 17.00 horas ao abeiro do programa Cultura 24 con entrada de balde ata completar aforo

 

O cine continúa chegando ás parroquias esta fin de semana. Ao abeiro do programa Cultura 24, a Casa Cultural de Guillade acollerá este domingo 12 de decembro a proxección de ‘La invención de Hugo’, un filme de 2011 de Martin Scorsese con 11 nominacións aos Óscar, 3 Globos de Ouro e unha morea de galardóns máis no seu haber. A película, que está recomendada para maiores de 6 anos, comezará ás 17.00 horas e será de balde, con entrada libre ata completar aforo.

 

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a gozar dunha tarde de cine e de cultura segura tamén nas parroquias grazas ao Cultura 24, “un programa que naceu para dinamizar os centros culturais e o tecido creativo do concello, así como para achegar unha oferta cultural de lecer diversa a todos os recunchos de Ponteareas”.

 

‘La invención de Hugo’ é a primeira película de Scorsese dirixida ao público infantil grazas á adaptación dunha novela de Brian Selznick. Conta a historia de Hugo Cabret, un rapaz orfo que vive oculto na estación de tren de París no ano 1930. Fillo dun reloxeiro e cunha gran habilidade para as máquinas, tentará construír un autómata que deixou incompleto o sei pai. Farao acompañado dunha excéntrica nena, Isabelle, e dun vello xogueteiro. Xuntos internaranse nun mundo inesperado repleto de fantasía no que cada un atopará as súas propias respostas a enigmas terreais e imaxinarios.