Karmelo Bizkarra impartirá unha conferencia sobre saúde no Auditorio Reveriano Soutullo

conferencia-karmeloO vindeiro xoves, día 28 de maio, terá lugar unha conferencia sobre saúde no Auditorio Municipal Reveriano Soutullo impartida polo doutor Karmelo Bizkarra. O acto comezará ás 20:30 horas e leva por título “As cinco claves da saúde”. Cinco apartados fundamentais que para o doutor Bizkarra son a nutrición, o contacto coa natureza, a respiración, o exercicio físico e a expresión emocional.

O acto de presentación da conferencia tivo lugar esta mañá no salón de plenos do Concello de Ponteareas e contou coa presenza do propio conferenciante, do concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro, e da presidenta do Centro de animación rural de Cortellas.

Karmelo Bizkarra, licenciado en Medicina pola Universidade do País Vasco, é un especialista en Educación para a Saúde e dedícase dende o ano 1980 a procurar e desenvolver novas vías no tratamento físico e psicoemocional na enfermidade a partir da súa formación inicial en hixiene vital.

Bizkarra salientou que na conferencia tentará “explicar non soamente o que se pode facer para tratar unha enfermidade, senón todo o que se pode facer para non chegar a ela”. O especialista en medicina hixienista apuntou tamén ao tratamento das emocións como un factor clave para previr doenzas, destacando que “un 80% das enfermidades teñen que ver con aspectos emocionais”.

A súa traxectoria profesional tamén sobresae por ser o médico que introduciu en España o xexún terapéutico e a súa vixilancia clínica. Colaborador de varias revistas especializadas e autor de diversas obras, Karmelo Bizkarra caracterízase por tentar atopar sempre unha visión holística para explicar moitos tipos de doenzas.

Esta conferencia está organizada polo Centro de animación rural das Cortellas, na parroquia de Padróns, e conta coa colaboración da Concellería de Cultura que dirixe Andrés Sampedro. Ao rematar a conferencia, os asistentes recibirán unha guía de saúde escrita polo Dr Karmelo Bizkarra e publicada pola concellería de Cultura do Concello.