IV edición da San Silvestre Solidaria de Ponteareas

san-silvestre-1

O alcalde Xosé Represas e o concelleiro de Deportes Benito Márquez, acompañados de varios membros do club Taninos Runners

O club Taninos Runners de Ponteareas, en colaboración coa concellería de Deportes de Ponteareas, organiza a cuarta edición da San Silvestre, unha carreira que se celebra na tarde do 31 de decembro e que ten un marcado carácter solidario.

Segundo o propio clubs, “esta proba quere manter o compromiso  solidario e non competitivo co que naceu e servir ademais de elemento dinamizador das rúas da vila neste día tan sinalado promovendo o deporte e a solidariedade”.

A doazón de produtos alimentarios non perecedoiros  e de hixiene persoal e do fogar é voluntaria. Para esta edición incorpórase tamén  a aportación  de algún  xoguete. Todo o doado será destinado ao Centro de Reparto de alimentos do Concello de Ponteareas.

Este ano celébrase tamén a II edición da San Silvestre Infantil , na que poderán participar todos os rapaces e rapazas maiores de 6 anos, distribuídos en tres categorías por idade. O inicio da proba infantil será a partir das 16:45 horas.

Na proba absoluta poderán participar os maiores de catorce anos sobre un circuíto de 5 quilómetros que presenta variacións con respecto á edición pasada xa que desta volta só se darán dúas voltas á vila. A hora de inicio da proba absoluta será as 17:30 horas.

As inscricións son gratuítas e deberán facerse exclusivamente a través da páxina web www.taninosponteareas.com  ata  o día 29 de decembro ou ata completar o máximo de participantes establecido para esta edición , 600 para a categoría de adultos e 200 na categoria infantil. Non se aceptarán inscricións fóra  de prazo nin no mesmo día da proba.