Interceptado un condutor que quintuplicaba a taxa de alcoholemia permitida

Axentes da Policía Local de Ponteareas interceptaron, nas últimas horas, a un condutor que quintuplicaba a taxa de alcoholemia, imputándolle un delito contra a seguridade viaria.
Os feitos aconteceron cando a patrulla a Policía Local mirou un vehículo estacionado cunha persoa durmindo no posto do condutor. Os axentes achegáronse ao coche para interesarse polo estado de saúde do home, pudendo comprobar que se atopaba baixo os efectos de bebidas alcohólicas, polo que procederon a informarlle que, no estado no que se atopaba, non podería conducir o vehículo.
Posteriormente, os axentes atopáronse o mesmo vehículo circulando, polo que proceden a darlle o alto e a realizar a preceptiva proba de alcoholemia ao condutor, dando como resultado que quintuplicaba a taxa legalmente permitida, polo que procederon a instruír as correspondentes dilixencias. Como resultado, o condutor terá que comparecer ante o Xulgado de Garda para asistir, en calidade de investigado, a un xuízo rápido por un delito contra a seguridade viaria.
Doutra banda, a Policía Local instruíu dilixencias nun accidente de tráfico acontecido na glorieta do cruce de Mondariz, no que resultaron feridos os ocupantes do vehículo. Nese caso, os axentes abriron unha liña de investigación sobre o condutor para determinar en que circunstancias tivo lugar o accidente e determinar se estaba ou non baixo a influencia de alcohol ou drogas.
A concelleira de Tráfico e Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, realiza controis de alcoholemia e drogas dentro da campaña que desenvolve a Dirección Xeral de Tráfico, campaña na que se pode constatar, sinalou Fernández Soage, que “a grande maioría de veciños e veciñas de Ponteareas cumpren escrupulosamente as normas de tráfico”.