As entradas xa se poden adquirir por un prezo de 5 euros na páxina web www.ticketea.com
A presentación do concerto tivo lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello e contou coa presenza do alcalde ponteareán, Xosé Represas, da concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, e dun dos organizadores do concerto, Lito Caballero
O mítico grupo Immaculate Fools actuará o vindeiro sábado, 19 de setembro, no Parque da Feira Vella, en Ponteareas. O mítico grupo británico vén de reconstruírse despois de 18 anos e atópase en plena xira de concertos por España e outros países como Italia, Alemania e Portugal.
A renovada banda, liderada por Kevin Weatherhill e completada por outros membros como Adam Fuest, Linda Pamb e Phil Redfox, está vivindo un ano 2015 pleno de recordos, no que o éxito acadado nas décadas dos 80 e 90 xa reapareceu en ateigados concertos ofrecidos en cidades como Madrid ou Barcelona.
Tanto a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, como o alcalde ponteareán, Xosé Represas, salientaron durante a presentación “a oportunidade de escoitar en vivo a un grupo con repercusión internacional polo módico prezo de 5 euros, mentres noutras cidades custa até 30 euros gozar do mesmo concerto”.
O espectáculo dará comezo ás 21:00 horas coa actuación do grupo Mínima Son e de Gonzalo Acra. Immaculate Fools empezará o seu concerto contra as 23:00 horas.
As entradas xa se poden adquirir por 5 euros a través da web www.ticketea.com. Se non se esgotan antes, será posible compralas no portelo de entradas o propio día do concerto por un prezo de 8 euros.
A organización deste evento corre a cargo da concellería de Cultura de Concello de Ponteareas, a cal agarda cubrir o custo do mesmo grazas á venda das mencionadas entradas.