De cara a este mes de outubro, no centro Municipal Asprodico do Concello de Ponteareas, acaban de comezar os diferentes talleres que se veñen impartindo nestes últimos anos: educación de adultos, preparación a E.S.O. para persoas con discapacidade, ademais do obradoiro ocupacional para persoas con discapacidade psíquica.
Dende a concellería de servizos sociais-atención primaria, que dirixe Marisol Valado,
búscase continuar con un plan de formación, que favoreza a aquelas persoas con discapacidade, que teñan interese en acadar o título da ESO, preparándoos para presentarse ás convocatorias libres e acadar dito título, vendo facilitada deste xeito a súa inserción no mundo laboral, así como poder acceder a unha formación superior e máis enfocada á busca de emprego. A dito taller asistirá un grupo inicial formado por 8 alumnos, en idades comprendidas entre os 29 e os 49 anos, que cun total de 150 horas se impartirá os martes e os venres.
Tamén o taller de educación de adultos contará coa asistencia de 33 alumnos, dos que a meirande parte son perceptores de Risga, que se verán beneficiados dunha formación adaptada ao seu nivel académico, ao longo de tres días a semana e cun total de 260 h.
Por outra banda, o obradoiro ocupacional de persoas con discapacidade psíquica, maiores de idade, comeza este curso académico con 15 alumnos e onde un dos obxetivos principais segue sendo adquirir e fomentar a mellora e desenvolvemento de habilidades e coñecementos, a través de actividades como a hipoterapia, hidroterapia, talleres de manualidades, cociña,…que permiten afianzar a súa autonomía, conseguindo o crecemento persoal, que vai a reverter nos núcleos familiares, axudando a adquirir o máximo desenrolo dos mozos e mozas do obradoiro.
O alcalde, Salvador González Solla, salienta que tanto o obradoiro ocupacional, como o resto de talleres, de educación de adultos e ESO, son totalmente gratuítos para os usuarios e usuarias, asumíndose dende o Concello de Ponteareas, todos os custos que implica poder manter este servizos, tanto de instalacións, material, como tamén de persoal e converténdose, para o equipo de goberno, nun dos principais servizos sociais a protexer.
A atención temperá e a logopedia son outros dos servizos cos que conta o centro Asprodico, podendo acadar o tratamento necesario, segundo o caso, sen necesidade de desprazamento a outras zonas, axudando a minimizar os custos que conleva para a economía familiar.