Iniciadas as obras de humanización en Fernández Vega

sdr

Os traballos conlevarán restricións de tráfico durante varios meses

As obras de humanización da rúa Fernández Vega, que afectan ao espazo comprendido entre o Auditorio Municipal e a Praza de Abastos, iniciáronse no día de hoxe. Ao mesmo tempo a concellería de Mobilidade e Tráfico puxo en marcha a regulación de tráfico temporal derivada da execución destes traballos.

O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, xunto aos responsabeis da empresa adxudicataria e a Policía Local, verificaron durante a mañá os cambios na circulación, a instalación de letreiros informativos con intinerarios recomendados, a colocación de sinalización provisional e os cortes de rúas.

Durante a execución das obras que se prolongarán varios meses, o tráfico estará cortado na rúa Fernández Vega á altura da rúa Estrada que tamén quedará bloqueada á circulación de vehículos. Nalgún momento puntual será necesario cortar a rúa Morales Hidalgo á altura da Praza de Bugallal. Desta maneira o tráfico procedente da rúa Braña deberá continuar pola rúa Perillana ou por Reveriano Soutullo. O tráfico procedente da rúa Castiñeira deberá continuar por Reveriano Soutullo ou Braña e os vehículos que circulen por Morales Hidalgo e por República Arxentina deberán sair necesariamente pola rúa dos Ferreiros.

Os taxis estarán autorizados a circular pola rúa peonil da Esperanza e para a carga e descarga habilitáronse dúas zonas amplas na rúa Fernández Vega, colindando coa zona de obras.

Por outro lado, manterase o acceso peonil á praza de abastos para que a clientela poida seguir realizando as súas compras con normalidade.

As obras foron adxudicadas por 205.444,92€ e están enmarcadas na estratexia “Ponteareas, hábitat saudable” que conta co financiamento dos fondos de desenvolvemento rexional da Unión Europea (fondos FEDER) que custean o 80% e dos fondos propios do concello que se fai cargo do 20%.

A reforma que creará unha plataforma única entre os dous edificios, como se dunha praza se tratara, manterá a circulación de vehículos. Estes deberán subir á plataforma e circular a tan só 20 km/h, garantindo así a seguridade dos peóns. O obxectivo da actuación é converter esa zona comercial con grande movemento de persoas nun amplo espazo peonil atractivo, agradábel e seguro, con mobiliario urbano como bancos, nova iluminación e arborado de certo porte.