Iniciada a contratación para as obras de mellora da mobilidade peoníl en Guláns

A concellería de Vías e Obras, que dirixe Chus Garrote, informa que a Deputación de Pontevedra aprobou o venres en Xunta de Goberno o expediente de contratación para adxudicar as obras de mellora da mobilidade peonil nas inmediacións da igrexa de Guláns en Ponteareas. Inícianse agora os prazos para que a institución provincial saque a licitación o proxecto, se abra a recepción de ofertas e se contrate á construtora antes do inverno.

O convenio asinado entre Ponteareas e a Deputación para esta obra establece que a Deputación de Pontevedra financiará o 80% e o Concello o 20% restante dun investimento total de 382.858,96 euros e inclúe a transferencia da titularidade do treito reformado ao Concello.

A actuación, impulsada polo departamento de Mobilidade provincial, pretende aumentar a seguranza viaria con elementos de calmado de tráfico e unha plataforma única entre os equipamentos, de feito que se habilita unha ‘zona 30’ de velocidade máxima. Darase así resposta ás continuas reclamacións da veciñanza da zona e do alumnado do centro de ensino trasladadas polo concello de Ponteareas para rematar coas situacións de perigo para as persoas que pasan camiñando polo ámbito de actuación (un treito de medio quilómetro da estrada provincial EP-4004).

Chus Garrote explica que o proxecto, que se realizará en colaboración coa concellería de Mobilidade que dirixe Roberto Mera, inclúe a creación dunha nova beiravía na marxe esquerda aproveitando os sobreanchos existentes. No inicio da actuación construirase un paso de peóns sobreelevado, e ao final, cando se chega á zona de equipamentos (igrexa, cemiterio e colexio) habilitarase a plataforma única de prioridade peonil en formigón e franxas de pedra, todo elo nun área de velocidade máxima a 30 quilómetros por hora. Para aumentar a calidade urbana dotarase á zona dunha nova iluminación, substituíndo as luminarias e os báculos existentes por outras novas de maior eficiencia enerxética, así como instalando balizas led no pavimento para marcar a zona de convivencia.

Con esta actuación perséguese priorizar o tránsito peonil con seguridade, especialmente para os colectivos máis vulnerables (peóns, ciclistas e persoas con mobilidade reducida) sempre baixo as premisas de buscar un deseño que sexa comprensible, utilizable e practicable por todas as persoas ademais de garantir unha circulación rodada tamén máis segura para os condutores.