Industria obriga a Cide CHCEnergia ao restablecemento do servizo de luz cortado de forma irregular

Casa do Concello

Tras os trámites realizados polo Concello, a Consellería emitirá unha resolución  para a reposición do servizo

O Concello emprenderá accións legais contra a compañía eléctrica, que reclama facturas do ano 2022, cando non constan na contabilidade municipal ningunha débeda pendente dese ano

Tras os trámites realizados ao longo de hoxe polo Concello de Ponteareas, a Consellería de Economía, Industria e Innovación emitirá unha resolución para o restablecemento inmediato do servizo de luz cortado de forma inxustificada po parte da eléctrica Cide CHCEnergía e que afecta aos edificios municipais do Centro Social, da Biblioteca, do Centro de Dinamización Empresarial e do Centro Cultural de Cristiñade. O Concello denuncia que a compañía reclama facturas do ano 2022 que non constan pendentes de pago na contabilidade municipal, foron mal emitidas por parte da empresa ou que foron presentadas recentemente, como a que corresponde ao gasto do mes de maio.

Durante o ano 2022, a compañía eléctrica estivo sete meses sen emitir ningunha factura ao Concello, dende marzo ata outubro. A partir do mes de outubro, as facturas comezaron a ser emitidas “en avalancha, duplicadas e, en moitos casos, sen conter a información necesaria para autorizar o seu pagamento”. Esta situación continuou durante o ano 2023, no que se seguen recibindo facturas do ano pasado, para o que incluso tivo que aprobarse en pleno un recoñecemento extraxudicial de 200.000 euros para poder incluílas no orzamento actual.  

O Concello amósase sorprendido polas medidas tomadas pola empresa de forma irregular, especialmente tendo en conta que ten previsto recibir este venres 9 un pago por importe de 100.000 euros. Asegura ademais que este corte de luz está a causar trastornos á veciñanza e que se están estudando medidas legais para interpor unha querela criminal contra os responsábeis de execución do corte por verse afectados servizos esenciais á veciñanza.