Inaugurado o obradoiro de emprego que dará unha oportunidade laboral a vinte persoas

A alcaldesa en funcións, a concelleira de Emprego e o alcalde das Neves deron hoxe a benvida ao alumnado acompañados da delegada territorial da Xunta de Galicia.

A alcaldesa en funcións, Cristina Fdez. Davila, e a concelleira de Emprego e Formación, Vanesa Fernández, inauguraron hoxe o obradoiro de emprego Coidar de Nós III acompañados da delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e do alcalde das Neves, Xosé Manuel Méndez.

 

Co apoio da Consellería de Emprego e Igualdade o obradoiro Coidar de Nós III formará a vinte persoas desempregadas dos concellos de Ponteareas e As Neves grazas a un investimento de arredor de 375.000€.

 

No acto de inauguración, celebrado no Centro de Desenvolvemento Local, Cristina Fdez. Davila salientou que este é o sexto obradoiro de emprego consecutivo dando unha oportunidade laboral a máis de 120 persoas, “levamos seis anos conseguindo que a administración apoie os nosos proxectos para fomentar emprego e xerar oportunidades laborais”.

 

Pola súa banda, a concelleira de Emprego e Formación, amosou a súa satisfacción ao comprobar o importante número de mulleres que se formarán na rama de forestal e silvícola, ademais da rama de sociosanitaria, “por segundo ano consecutivo ofrecemos a rama de forestal por ser un dos sectores económicos que máis demanda man de obra ao igual que o sector sociosanitario. Estou dobremente satisfeita porque ademais de poder inaugurar hoxe esta nova iniciativa laboral, comprobamos que son moitas as mulleres que toman forza no ámbito forestal”.

 

A delegada territorial animou aos participantes a “aproveitar esta oportunidade e desenvolver un bo labor de aprendizaxe para gañar coñecementos e experiencia e obter o certificado de profesionalidade, xa que elo contribuirá decisivamente a dispoñer de máis opcións laborais no regreso ao mercado de traballo cando finalice esta formación no outono de 2021”.

Xosé Manuel Méndez quixo facer fincapé na importancia de xuntar no mesmo obradoiro dous elementos esencias no noso día a día, o coidado da nosa contorna para gozar de maior saúde e benestar e o coidado dos nosos maiores que son o noso piar, “o alumnado das dúas ramas deixará a súa pegada no noso benestar ao facerse cargo de mellorar os nosos espazos e visibilizar a importancia das especies autóctonas que tanto enriquecen a nosa contorna e, por outro lado, coidarán dos e das nosas maiores que son a nosa orixe”.

O obradoiro de emprego Coidar de Nós III manterá o mesmo esquema que a súa edición precedente cos módulos -con dez participantes cada un- de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio e Institucións e Repoboación Forestal e Tratamento Silvícola, que terán nove meses de duración e complementaranse con ensinanzas en materias como prevención de riscos laborais, igualdade, alfabetización dixital ou sensibilización ambiental, entre outras. Ademais, os alumnos-traballadores disporán da posibilidade, ao seu remate, de optar a contratos de prácticas por espazo de tres meses en empresas da zona para completar a súa formación e facer unha toma de contacto no mercado laboral en torno aos seus oficios.

O obradoiro de emprego de Ponteareas dará tamén unha oportunidade laboral a dez técnicos entre profesorado e dirección e administración do mesmo.