III edición da Travesía a Nado Vila do Tea

sdr

A concellería de Deportes do concello de Ponteareas e o Club de Natación presenta a III Travesía a Nado Vila do Tea que terá lugar este domingo día 19 na praia fluvial de A Freixa.

A travesía a nado Vila do Tea é a oitava proba do XV Circuito Galego de Augas Abertas. O club Natación Ponteareas organiza o evento que contará co control do comité de árbitros da Federación Galega de Natación e a colaboración de Protección Civil de Ponteareas e os Piragüistas do Club Tea para garantir a seguridade dos participantes.

Asemade, a travesía conta coa colaboración do concello de Ponteareas a través da concellería de Deportes e de moitas empresas e comercios locais que fan posible coa súa aposta polo deporte que cada ano poida celebrarse esta competición. 

Haberá diferentes categorías e distancias e unha proba de remudas para rematar a competición.

O comezo da proba está programado para ás 10 horas e o Club Natación Ponteareas convida a toda a veciñanza a desfrutar en familia desta actividade na que haberá música, praia, sol e moita deportividade. 

As inscricións permanecen abertas e a organización prevé contar con máis de 150 nadadores e nadadoras. 

Benito Márquez destaca o bo traballo do Club Natación Ponteareas e o atractivo desta proba deportiva ao aire libre que permite gozar do patrimonio natural de Ponteareas nunha xornada non so deportiva, tamén lúdica e de lecer.