II Festival Solidario co Pobo Saharaui

Soliedariedade Galega co Pobo Saharaui organiza o II Festival Solidario coa contacontos Raquel Queizas, o paiaso Popin e o mago Paco que convertirán esta tarde de venres día 11 nunha festa infantil na que todas as familias poderán gozar dun entretido e divertido tempo de lecer.

Sen fixar un prezo de entrada e agardando a solidariedade de todos e todas as ponteareás que aporten un donativo, a organización coa que colabora o concello de Ponteareas convida a toda a veciñanza a participar nesta actividade.

Ademais, Solidariedade Galega co Pobo Saharaui informa de que xa está aberto o prazo para que todas as familias que o desexen acollan este verán a un neno ou nena dos campamentos saharauis.

Grazas á colaboración do concello de Ponteareas que financia case sete traslados as familias beneficiarias non terán que afrontar os gastos de desprazamentos dos cativos e cativas e tan só terán que recibilos nos seus fogares e desfrutar desta marabillosa e fermosa convivencia na que as dúas culturas se funden conformando unha soa familia.

A organización adianta que precisa familias acolledoras que coa súa xenerosidade brinden a oportunidade a estes pequenos e pequenas de coñecer outro xeito de vida e ver atendidas as súas necesidades máis básicas en canto a saúde. 

Grazas aos acordos coa Seguridade Social e con empresas privadas os participantes no programa Vacacións en Paz teñen cobertura sanitaria e tamén de oftalmoloxía e audición.

Todos os interesados e interesadas deben contactar no teléfono 986 26 26 37.