Catro ranchos de reis e un grupo folclórico encherán o escenario de tradición e música de castañolas
A concellería de Cultura que dirixe Fernando Groba convida ao II Festival Internacional de Danzas de Reis que terá lugar este domingo día 22 de decembro a partir das cinco da tarde, hora na que percorrerán as rúas do centro urbano de Ponteareas.
O Rancho de Reis de Santiago de Oliveira, o Rancho de Reis de Fozara e o Rancho de Reis de Guláns compartirán escenario co Rancho de Reis de Riofrío, Mondariz, e co grupo folclórico Barcelinhos de Portugal.
Logo de percorrer coa súa música, danzas e vistosos vestimentas o centro urbano, os ranchos de reis chegarán ao auditorio municipal Reveriano Soutullo ás 18 horas.
O concelleiro Fernando Groba convida a toda a cidadanía a desfrutar deste espectáculo que difunden unha das nosas tradicións máis xenuinas e que Ponteareas soubo conservar.
Dende o 7 de marzo de 1953 o grupo folclórico Barcelinhos promove a cultura popular da súa terra e deixa en herdanza as danzas e a música dos seus ancestros.
O Rancho de Reis de Santiago de Oliveira, o de Fozara e o de Guláns virán ataviados coas súas vestimentas brancas para danzar acompañados de arcos, palillos e cintas que voarán ao son das castañolas.
Dende o século XVI o Rancho de Reis de Riofrío, Mondariz, danza para celebrar os reis e manter viva este legado que trasladará ao noso auditorio neste II Festival Internacional de Danzas de Reis.