Humana recolleu 23 toneladas de téxtil usado en Ponteareas no primeiro semestre de 2014

FotoHumana_2Humana Fundación Pueblo para Pueblo, Organización non Gobernamental para o Desenvolvemento (ONGD) que dende 1987 promove a protección do medio ambiente e leva a cabo proxectos de cooperación en África, América Latina e Asia así como de Axuda Social en España grazas aos recursos que obtén da xestión do téxtil usado, recolleu 22.800 quilos de roupa e calzado usados en Ponteareas ao longo do primeiro semestre de 2014. A recollida selectiva é unha ferramenta eficaz de xestión de residuos, proba disto é que o téxtil que os veciños e veciñas depositaron nos puntos habilitados para tal fin evitou a emisión de 23 toneladas de CO2 á atmósfera (Fonte: Waste Management Options and Climate Change: Final Report. European Commission, DG Environment).

A reciclaxe téxtil contribúe á protección do medio ambiente ao reducir en parte os residuos que xera a cidadanía, outorgando unha segunda vida a unha roupa que doutro xeito iría parar ao vertedoiro para ser incinerada.

A Fundación xestiona a recollida selectiva de roupa usada no municipio a través dunha rede de 11 contedores instalados en lugares de fácil acceso. Dende o inicio da súa actividade en España, en 1987, o obxectivo de Humana é xestionar de xeito eficaz as doazóns de roupa usada, unha filosofía que ten moito sentido nunha sociedade na que o consumo de téxtil fai que o volume de pezas que se desbotan medre de xeito progresivo ano tras ano.

En Galicia, Humana conta con 340 contedores para a recollida de roupa usada grazas aos acordos de colaboración estabelecidos con diferentes concellos, entidades e empresas privadas; o ano pasado recolléronse 2.079 toneladas de  téxtil usado. No conxunto de España, a Fundación conta con 5.200 contedores que anualmente recollen ao redor de 18.000 toneladas de roupa. A reciclaxe e a reutilización de material téxtil é un servizo gratuíto para os municipios e significa un aforro importante nos gastos de recollida e eliminación de residuos urbanos.

Os recursos obtidos coa xestión do téxtil usado permiten o financiamento e o desenvolvemento de programas de protección do medio ambiente en España e de cooperación nos países do Sur, nos ámbitos da educación, a agricultura e o  desenvolvemento rurais, o desenvolvemento comunitario, as enerxías renovábeis ou a eficiencia enerxética, a loita contra as enfermidades contaxiosas así como a asistencia en situacións de emerxencia. Así mesmo, tamén se levan a cabo proxectos de Axuda Social nos municipios nos que a Fundación está presente, xa sexa en colaboración directa con actuacións que realiza o propio concello ou ben a través de entidades locais.