Guláns enxalza este domingo os seus pementos

Será a partir das 10.30 h no parque da Avisoureira con degustacións, pregón e mercadiño agroecolóxico e artesán

Guláns enxalza este domingo os seus pementosGuláns enxalza un ano máis os seus pementos máis famosos. Organizada pola Asociación de Amigos do Pemento de Guláns e o Concello de Ponteareas, o parque da Avisoureira acolle este domingo 4 de setembro a sexta edición da Exaltación do Pemento de Guláns, unha xornada gastronómica xa tradicional na vila na que haberá menú degustación de pementos acompañado de churrasco e con marmelada de pemento e tetilla como sobremesa.

A partir das 10.30 horas o público poderá gozar desta nova edición, na que haberá un mercadiño sostíbel no que atopar produtos locais artesáns e produtos bio, ademais de produtos da horta, postos de antigüidade, de segunda man e téxtil. Ás 12.00 horas a directora da Banda de Música Unión de Guláns, Alicia Porto Fernández, será a encargada de ler o pregón.

Co apoio da Concellaría de Promoción Económica, dende o Concello anímase a toda a veciñanza “a compartir un bo prato e a gozar desta xornada gastronómica que pon en valor un pemento único en Galicia” e agradécese “o importante labor da Asociación de Amigos do Pemento de Guláns, para que esta variedade continúe a estar presente nas nosas mesas, así como o traballo de todos os veciños e veciñas da parroquia que continúan a cultivar esta variedade de pemento”.