Guillade acollerá o “Encontro Coral de Outono”

O Concello de Ponteareas e a Asociación de Veciños San Gregorio de Guillade presentan a novena edición do “Encontro Coral de Outono” que organiza a asociación veciñal en colaboración coa coral Ars Cantorum.
O vindeiro sábado sete de outubro ás 20:30 horas terá lugar no centro cultural de Guillade este encontro no que actuarán a polifónica coruñesa Canticorum, a coral Airiños de Campañó e a coral anfitriona Ars Cantorum de Guillade.
Dende 2005 a coral Ars Cantorum ensaia no centro cultural, na actualidade conta con trinta membros pero seguen abertos a novas voces que se queiran incorporar. Ensaian os luns e os mércores de 19:30 a 21:00 horas.
Carlos Durán Diéguez, presidente de Ars Cantorum, anima a tódolos interesados a inscribirse ou obter máis información a través do enderezo electrónico cdurandie64@gmail.com, enderezo no que tamén se pode contactar para adquirir o CD editado pola coral “Te canto, escúchame”.
A Concellería de Cultura convida a toda a veciñanza a asistir a este encontro coral que ofrecerá temas da música popular e habaneras, entre outros moitos estilos musicais.