Grande éxito de acollida do proxecto piloto de recollida de biorresiduos urbanos no centro urbano de Ponteareas

Grande éxito de acollida do proxecto piloto de recollida de biorresiduos urbanos no centro urbano de Ponteareas

O Concello puxo en marcha a campaña de divulgación ‘Ti tes a chave’, na que participaron numerosos veciños e veciñas

Ponteareas conta xa con dous composteiros comunitarios e 109 individuais

Ponteareas quere comezar a facer unha correcta xestión dos biorresiduos. Baixo o lema ‘Ti tes a chave’, o Concello puxo en marcha na Praza de Bugallal unha campaña de divulgación do proxecto piloto de recollida de biorresiduos no centro da vila que tivo unha grande acollida por parte da veciñanza, que se achegou ata a carpa para informarse e amosou o seu interese por comezar a participar de forma activa.

Con dous composteiros comunitarios no centro da vila e 109 composteiros individuais, Ponteareas comeza a camiñar neste novo sistema de xestión dos residuos, que permite tratar de forma separada os residuos alimentarios e asimilábeis, como restos de comida procedentes de fogares, restaurantes e comercio polo miúdo e residuos verdes, aqueles procedentes dos restos de xardíns, parques ou pistas deportivas.

Neste sentido, o Concello de Ponteareas conseguiu captar fondos europeos Next Generation para comezar o proceso de implementación do quinto colector para a recollida selectiva de biorresiduos e, como explica a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, “continuar apostando así pola economía circular, eliminando do lixo unha importante cantidade de residuos que poderemos reutilizar elaborando compost de calidade. É unha medida que suporá un importante beneficio medioambiental tanto pola eliminación da emisión de gases de efecto invernadoiro”.

Segundo os estudos realizados dende a Concellaría de Medio Ambiente, con este novo proxecto piloto Ponteareas prevé recuperar entre 66.000 e 199.000 kg por ano e entre 26 e 77 quilos por habitante dependendo da porcentaxe de éxito acadado. Nesta previsión tense en conta o número máximo de familias incluídas no proxecto, que se elevará ata as 1.300.

Covelo salienta que as campañas de información e sensibilización deste proxecto piloto “favorecen unha maior separación en orixe, xa que a tendencia dos voluntarios e voluntarias participantes é a de estar máis motivados que a media da poboación e ter mellores hábitos de separación en orixe”.

Grande éxito de acollida do proxecto piloto de recollida de biorresiduos urbanos no centro urbano de Ponteareas