Grande acollida dos composteiros individuais repartidos entre a veciñanza da parroquia de Fontenla

Grande acollida dos composteiros individuais repartidos entre a veciñanza da parroquia de Fontenla

 

O Concello fará un seguimento para analizar canto se reducen os biorresiduos nos colectores verdes con datos reais

 

Grande acollida por parte da veciñanza de Fontela dos novos composteiros individuais repartidos nesta parroquia polo Concello, que aposta polo incremento do compostaxe en Ponteareas como ferramenta para mellorar a xestión de residuos e eliminar a materia orgánica que remata no colector verde. Tras un encontro informativo na casa cultural, a Concellaría de Medio Ambiente repartiu unha nova remesa de COINs entre todas as persoas asistentes e algunhas das inscritas na lista de agarda.

 

O obxectivo desta iniciativa é poñer en marcha unha nova experiencia de compostaxe individual na vila, como a que xa se levara a cabo en Arcos, “para reducir a xeración de residuos dos nosos fogares, camiñando así cara a unha xestión sostíbel do lixo, reducindo o impacto económico do seu transporte e da súa eliminación e, ao mesmo tempo, obtendo un abono natural de excelente calidade para empregar nas hortas”, salienta a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo.

 

A posta en marcha destas iniciativas de forma estruturada por parroquias permitirá ao Concello facer un seguimento de canto se reducen os biorresiduos nos colectores verdes “traballando con datos reais para analizar o impacto que ten este novo modelo de xestión do lixo nas distintas zonas da nosa vila”.