Gran éxito do VI Festival de Corais Deputación de Pontevedra celebrado en Ponteareas o pasado domingo

coraisO Auditorio Reveriano Soutullo acolleu o pasado domingo o VI Festival de Corais Deputación de Pontevedra, organizado pola Deputación de Pontevedra, en colaboración co Concello de Ponteareas, e que resultou un gran éxito, poñendo de manifesto todas as agrupacións coralísticas participantes a grande calidade do canto coral das agrupacións do sur de Pontevedra que neste caso chegaban case ás 400 voces de 11 agrupacións distintas.

Neste VI Festival de Corais Deputación de Pontevedra estiveron presentes a Deputada provincial de Cultura, o alcalde do Concello de Ponteareas, o edil de Cultura do Concello de Ponteareas e o alcalde de Gondomar, os cales felicitaron e entregaron os diplomas e agasallos ás agrupacións participantes.

As corais participantes que deleitaron aos asistentes coa súa actuación foron a Coral Polifónica de Arbo; Coral Xuntanza, de Covelo; Coral Polifónica Santa Baia de Mondariz; Agrupación Coral Polifónica da Guarda; Coral Adaxe, de Salvaterra de Miño; Coral Polifónica Fogar de Breogán, de Salvaterra de Miño; Coral O Piñeiral, de Redondela; Coro Polifónico Entenza, de Salceda de Caselas; Coro da Agrupación Musical de Vincios, Gondomar; Coral da Agrupación Musical do Rosal e o Orfeón Condado Paradanta, de Ponteareas, grupo encargado de pechar o festival.

As distintas interpretacións tanto de estilo culto como popular encandilaron aos centos de persoas que acudiron ao Auditorio Reveriano Soutullo para gozar da musica coral, de longa tradición en Ponteareas e en toda a provincia de Pontevedra, contando o municipio de Ponteareas varias corais que levaron o nome de Ponteareas polo mundo enteiro, afirma o alcalde Salvador González Solla.