Gran calidade e orixinalidade nos premios dos VII Xogos Florais de Ponteareas

Gran calidade e orixinalidade nos premios dos VII Xogos Florais de Ponteareas

 

O xurado decidiu entregar nesta edición catro premios e unha mención especial nas categorías xuvenil e de adultos

 

A Gala da Lingua celebrada este 17 de maio, Día das Letras Galegas, foi o escenario da entrega dos premios dos VII Xogos Florais de Ponteareas, un concurso literario co que o Concello procura contribuír ao desenvolvemento da poesía local e “crear espazos de convivencia entre voces consolidadas e outras novas que están aparecendo con forza, difundindo a súa actividade creativa e permitíndolles ser escoitadas por toda a veciñanza”, destaca o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

 

Nesta sétima edición dos galardóns, o xurado, composto polo escritor Manrique Fernández e polos poetas Teresa Ríos e Samuel Merino, decidiu entregar por unanimidade un único premio na categoría xuvenil ao traballo ‘Metamorfose’, presentado baixo o pseudónimo de Xerión por Anxo Rodríguez Rodríguez. Ademais, tamén acordaron outorgar unha mención especial ao poema ‘Tenrura’, da autora Sara Suárez Saavedra.

 

Pola súa banda, na categoría de adultos, o xurado quixo premiar os poemas presentados por Fátima Domínguez Silva, baixo o pseudónimo de Mimsi; por Ana Fernández Melón, entregado co pseudónimo de Zudres; e por Jennifer Abal da Silva, que achegou o seu poema ‘Mar Cantábrico’ baixo o nome de Quixota.

 

Fernando Groba felicita as e aos gañadores, agradece a todas as persoas participantes a boa calidade dos traballos presentados e anímaas “a seguir escribindo e creando pezas literarias de tan alto nivel, comprometidas e, sen dúbida, tan orixinais”.