Gran afluencia na reunión entre goberno local e apicultores

O encontro serviu para concretar as medidas que se tomarán para tentar paliar as consecuencias desta praga e para especificar as propostas que lle serán presentadas á Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia

Q55A2816A reunión convocada polo goberno municipal de Ponteareas, na tarde do pasado luns 24 agosto, para explicar aos apicultores e ao resto da veciñanza afectada pola avespa asiática cales son as medidas que dende o consistorio se porán en marcha de cara a minimizar os efectos destra praga, rexistrou unha gran afluencia de persoas.

Máis de 50 veciños e veciñas tiveron a oportunidade de coñecer máis polo miúdo o plan a seguir para combater os prexuízos que a presenza desta especie está causar nos sectores apícola e froiteiro. O alcalde ponteareán, acompañado dun técnico da Asociación Galega de Apicultura, da primeira tenente de alcalde, Chus Garrote, e dos edís de Medio Rural, Manuel Troncoso, e de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, detallou as medidas a tomar, as cales consistirán nos seguintes puntos:

  • Propoñer á Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia que habilite un fondo para que o Concello de Ponteareas e outros municipios afectados poidan adquirir as ferramentas necesarias para eliminar os niños avespa asiática, de xeito que sexan as propias administracións locais, en colaboración co sector apícola, as que se encarguen de realizar este labor, sobre todo tendo en conta a ineficacia por parte de Tragsa, empresa contratada pola Xunta para desenvolver este tipo de traballos.
  • Propoñer á Consellería de Medio Rural que intensifique a distribución de trampas para colocar no vindeiro outono e na próxima primavera.
  • Pedir á administración autonómica que poña medios suficientes, en colaboración con outros organismos, para desenvolver traballos de investigación nesta área, pois segundo a Asociación Galega de Apicultura, aínda se descoñecen moitos aspectos sobre o comportamento desta praga.
  • Poñer en marcha cursos de formación nesta materia para o persoal do Corpo Municipal de Bombeiros e do voluntariado do Servizo de Protección Civil e Emerxencias.
  • Repartir folletos entre a veciñanza nos que se informen dos perigos da presenza desta especie na comarca e dos pasos a seguir no caso de detectar algún niño de avespa asiática.
  • Convocar, por parte da Consellería de Medio Rural, ás asociacións de apicultores e aos representantes municipais afectados para tratar este tipo de aspectos.
  • Pedir á Consellería de Medio Rural que realice unha declaración oficial da existencia dunha praga de avespa asiática nesta zona e noutras comarcas de Galicia especialmente afectadas, recoñecendo os grandes prexuízos económicos e medio ambientais que está provocando.
  • Pedir a colaboración por parte da veciñanza no aviso da existencia deste tipo de niños.

O goberno municipal ten o firme compromiso de traballar conxuntamente para paliar as consecuencias desta praga e agarda que dende a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia exista a mesma vontade, pois é o único xeito de solucionar un problema que afecta a moitos veciños de moitos concellos de Galicia, entre eles o Concello de Ponteareas.