O goberno de Ponteareas reuníuse onte coa veciñanza da Praza Bugallal para falar das obras de modernización da praza. No encontro tamén estiveron presentes os arquitectos gañadores do concurso explicando os materiais que se empregarán, a estética e os elementos que incorporarán.
A veciñanza amosou a súa satisfacción pola reforma da Praza Bugallal e sinalou a necesidade de aumentar os puntos de luz, que nestes intres son insuficientes, e de contar con máis árbores e pequenos espazos nos que descansar e socializarse nun ambiente relaxado e amable. Os e as participantes escoitaron con atención a información facilitada e acolleron con bo grado as propostas dos técnicos.
Nesta reunión participativa informouse das actuacións xerais da estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable”, da liñas finaciables polos fondos da Unión Europea conseguidos por este goberno, dos antecedentes e da reorganización das prazas de aparcamento, amosando a cidadanía especial interese polas xestións que o goberno realiza para contar cun aparcamento baixo o campo de fútbol do CEIP Nosa Señora dos Remedios que permitiría crear 150 prazas e contar cun campo de fútbol de herba artificial en superficie.