O goberno de Ponteareas quere coñecer os hábitos de lecer e consumo así como de integración social

O Concello de Ponteareas, dentro do seu obxectivo de impulsar a Participación Cidadá, inicia este venres 10 de novembro e de xeito simultáneo, un dobre proceso de recollida de información sobre os hábitos de lecer, consumo e integración daqueles novos veciños que se achegaron a vivir ao municipio nas últimas décadas, por un lado, e polo outro e impulsado pola Concellería de Comercio, Hostalaria e Consumo unha recollida de datos específica para coñecer as necesidades e demandas do sector comercial do casco urbano.

Para tal fin, o Concello, a través do seu Observatorio de Participación Cidadá, pon en marcha un cuestionario online especificamente orientado a eses novos residentes, e ao cal poden acceder a través da web municipal no apartado de “participación cidadá” https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSfSSg5A1zeAFDn9GJpEHiTSH-PXROiXrOfFboIi6ukRY1oXdA/viewform?c=0&w=1 , e outro cuestionario en papel que será entregado e posteriormente recollido nos preto de 300 establecementos comerciais da Vila. 

Este último modelo de cuestionario retoma parte dos datos xa recollidos no Informe sobre o Plan Básico de Dinamización Comercial de Ponteareas, aspirando tanto a completalo como a ampliar a recopilación de propostas de interese para o sector comercial do municipio.

Co ánimo de dar os servizos máis axeitados e precisos para a cidadanía, o goberno de Ponteareas recollerá esta información para analizar, detectar necesidades e establecer prioridades.

O goberno de Ponteareas segue a traballar na liña dos obxectivos recollidos na estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable” financianda con fondos FEDER da Unión Europea.