O goberno de Ponteareas dará un paso máis na eliminación das barreiras arquitectónicas

O goberno de Ponteareas, a través do alcalde, Xosé Represas, agradece á Asociación de Alfombristas e a Adapta o seu compromiso social na eliminación das barreiras arquitectónicas no percorrido dos tramos alfombrados tal e como xa tiña contemplado o goberno no estudo de mobilidade presentado no ano 2017 e no que se analizan pormenorizadamente todos os puntos e zonas que deben ser de acceso universal, non só nos tramos alfombrados se non tamén en todo o centro urbano e arredores.  “A estratexia Ponteareas Habitat Saudable vai na liña de gañar espazo para as persoas”, afirmou o alcalde.

Este é un paso máis no traballo comezado no Corpus do ano 2016 habilitándose zonas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida para que poidaran achegarse o máximo posible á zona alfombrada.

Ponteareas vila accesible é unha das máximas da estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable” na que xa están traballando os técnicos coa idea de facer do centro urbano un espazo para a socialización, habitable e accesible para todos os veciños e veciñas independentemente da idade ou condición física, adianta a Concelleira de Mobilidade, Vanesa Fernández.

Ademais, nestes intres as Concellerías de Seguridade Cidadá e Vías e Obras traballan na redacción do planeamento da mellora da seguridade viaria e contarán coa participación de ADPATA e COGAMI para contar coas súas aportacións para o plan de accesibilidade do casco urbano. Dentro deste plan de accesibilidade contémplanse todas as demandas dos diferentes colectivos incluídas as de alfombristas.

O goberno municipal felicita aos dous colectivos pola súa iniciativa e compromiso e adianta que traballará da man de todas as asociacións que velen pola mellora e futuro de Ponteareas.

“Porse na pel do outro significa intención de cooperación, este é o obxectivo marcado polo actual goberno: cooperación e participación. Unha dinámica pola que apostamos e que incentivamos mantendo encontros e reunións periódicas e recibindo as iniciativas e ideas dos colectivos sempre coa intención de convertilas en realidade como esta da asociación de alfombristas e Adapta que xa contemplábamos no estudo de mobilidade e que agora recibimos con satisfacción”, explica a Tenente de Alcalde e Concelleira de Vías e Obras, a socialista Chus Garrote.