O goberno de Ponteareas critica o retraso da Xunta na asignación da subvención para contratar a 20 persoas perceptoras da RISGA

O goberno local de Ponteareas ven de criticar o retraso da Xunta de Galicia en resolver a concesión das subvencións para contratar ás persoas en desemprego perceptoras da renda de inclusión social de Galicia -Risga-. Esta falta de celeridade na resolución do programa é o que impide que o Concello de Ponteareas poida contar con 20 persoas máis contratadas con cargo a esta subvención.
Este programa de contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga ten como obxectivo facilitar o acceso ao mercado laboral ás persoas máis desfavorecidas e co nivel máis baixo de recursos. A través deste programa ao concello de Ponteareas correspóndelle contratar este ano 2017 a 20 persoas como nos últimos anos. A maioría serán peóns de medio ambiente para os traballos de desbroce de pistas municipais e mantemento de parques e areas recreativas.
Estes contratos teñen unha duración de 7 meses e a Xunta subvenciona o 75% da xornada, Os traballadores nos anos anteriores iniciaban os contratos en maio e xuño para estar incorporados na plantilla municipal cando máis necesidades hai para os traballos de desbroce e mantemento de parques, xardíns e as zonas fluviais como a Freixa e o entorno do Tea. Con este retraso na tramitación da Xunta que publicou a convocatoria no mes de maio, o concello non conta con este persoal no momento que máis o precisa e pola contra estará durante os meses de inverno, de novembro a febreiro cando non é preciso para este tipo de traballos.
O goberno local agradece a comprensión da gran maioría dos veciños polo retraso nos desbroces así como a colaboración mostrada por moitos que acometeron a limpeza frente as súas propiedades.

Para paliar en parte esta situación, o goberno local, diante da limitación para contratar persoal que suplira aos previstos da subvención da Xunta, deu o paso de mercar unha máquina cortacéspede-desbrozadora preparada para traballar nas marxes das pistas municipais e así avanzar con estes traballos, puxo en marcha o tractor municipal que logrou recuperar despois de moitos anos e que está funcionando a plena satisfación a pesares de ser obxecto de sabotaxe aos poucos días de comezar o seu uso e estar uns días sen traballar.