O goberno de Ponteareas convoca unha reunión para a loita contra a vespa velutina

O goberno de Ponteareas, a través das concellerías de Medio Ambiente e Medio Rural, a cargo do alcalde, Xosé Represas e do concelleiro, Manuel Troncoso, convocan para o vindeiro sábado, ás 16:30 da tarde unha reunión con apicultores e aberta a toda a cidadanía para frear a praga da vespa velutina. A reunión celebrarase na sala multiusos do auditorio e contará coa participación dun técnico da Asociación Galega de Apicultura así como de apicultores locais.

O Alcalde resalta a necesidade de traballar de xeito coordinado neste intre no que a vespa velutina inicia a construción dos niños primarios, os provisionais. O rexedor local explica que este é o momento propicio para capturar as vespas raíñas fundadoras para frear a propagación da praga, cantas máis se eliminen menos vespas velutinas haberá no verán.

Para lograr este obxectivo de redución de niños de vespa velutina, o concello comezará a entrega de trampas para a caputura de raíñas ao remate da reunión do vindeiro sábado. Estas serán entregadas aos apicultores e veciños que voluntariamente se comprometan a participar. Todas as trampas estarán identificadas co logo do Concello de Pontearas e serán numeradas para a súa identificación e control posterior de resultados. As persoas que voluntariamente se presten a colaborar co Concello nesta tarefa recibirán as indicacións necesarias e cada 15 días, durante os vindeiros 3 meses, renovarán o líquido das trampas e controlaranse as raíñas capturadas.

As trampas serán distribuídas polos lugares máis vulnerables do concello como son os apiarios, os viñedos e as zonas con frutais ou os cauces fluviais. Represas indicou que as trampas utilizan atraintes autorizados para respectar ao máximo o resto das especies.

O Concelleiro de Medio Rural, Manuel Troncoso, criticou a pasividade e deixadez da Xunta de Galicia, nun asunto que é da súa competencia e citou os casos doutras comunidades autónomas como Cantabria no que si se implican e realizan un programa de prevencia a diferencia do goberno de Feijoo .

Dende o goberno local consideran necesario unha planificación das actuacións, cando menos a nivel comarcal para ser máis efectivos nesta loita.