O Goberno de Ponteareas asesora e apoia aos colectivos veciñais

Asociacións de veciños e traídas de augas do Concello de Ponteareas asistiron á reunión convocada polo goberno de Ponteareas para explicar e profundizar na subvención para o ano 2018 que se convoca dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.

Nun salón de plenos ateigado de representantes dos colectivos mantívose unha reunión na que todos os asistentes puideron trasladar as súas dúbidas e inquedanzas ao equipo de goberno e aos técnicos municipais.

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas; a Tenente de Alcalde, Chus Garrote; a Concelleira de Participación Cidadá, Cristina Fernández; o Concelleiro de Medio Rural, Manuel Troncoso e un técnico municipal deron resposta a todas as cuestións e ofreceron aos asistentes asesoramento e axuda na tramitación da subvención.

Nesta reunión á que asistiron máis de corenta colectivos de todo o Concello tamén se trataron cuestións básicas e de emerxencia como o abastecemento de auga, acordando solicitar de xeito conxunto e urxente á Xunta de Galicia a súa colaboración na ampliación do abastecemento de auga. 

Parroquias como Angoares, Moreira ou San Mateo de Oliveira precisan de xeito urxente unha ampliación da rede municipal de abastecemento que poida suministrarlles auga xa que a maior parte dos pozos particulares secaron durante a tempada estival. A esta necesidade básica hai que sumarlle a situación de perigo vivida durante a baga de lumes do mes de outubro na que moitos veciños e veciñas non tiñan nin unha mangueira de auga coa que regar a súa vivenda e arredores. 

Tal e como xa lle tiña adiantado o Alcalde ao director xeral de Augas de Galicia, é indispensable a implicación da Xunta de Galicia para acometer esta obra de ampliación da rede de abastecemento.

“Durante moitos anos as comunidades de augas foron solventando este problema xestionando o seu propio subministro e, en moitos casos, a título individual cada fogar constríu o seu propio pozo pero coa seca deste verán sumado ás consecuencias dos incendios moitos pozos esgotáronse e as redes de abastecemento das traídas de augas resultan xa insuficientes. Esta cuestión, na que xa levamos traballando un tempo mantendo sucesivas reunións coa Confederación Hidrográfica e con Augas de Galicia, é de vital importancia ao tratarse non só dun subministro de primeira necesidade se non tamén nunha ferramenta de defensa das vivendas contra o lume”, explica o Alcalde.

Traídas de Augas e goberno acordaron traballar de xeito conxunto e apoiar as reivindiacións e peticións dos goberno para que a Xunta se implique nesta obra que non pode ser únicamente financiada polo Concello xa que os primeiros informes realizados contemplan un orzamento de máis de 700.000€. 

Ademais, o Alcalde anunciou unha partida orzamentaria para 2018 dun minimo de 150.000€ de subvención para traídas de augas.

“Agora agardamos a colaboración da Xunta de Galicia que sabemos que terán a suficiente sensibilidade como para garantir un subministro tan básico e vital como o é a auga. A ampliación da nosa rede de abastecemento solucionaría esta carencia”.

Na actualidade máis de tres mil veciños están tendo problemas de subministro que o Concello tenta remediar co envío de camións cisterna.