Galiciana: a biblioteca dixital de Galicia

A Biblioteca Pública Municipal de Ponteareas recomenda aos e ás amantes da literatura visitar a páxina Galiciana porque podemos atopar unha colección de 30 títulos de obras clásicas feita en Galicia, en galego e en castelán: Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Marcial Valladares, Lamas Carvajal, Sofía Casanova, Antón Villar Ponte ou Alejandro Pérez Lugín, entre outros.

Tamén podemos atopar obras dos grandes autores do Rexurdimento, Rosalía, Pondal e Curros, transformados os seus títulos máis significativos a formato ePub tomando como referencia as primeiras edicións desas obras.

Por outra parte nesta páxina está dixitalizado e en acceso libre o xornal El Tea, ( 1908-1936 ) no que podemos atopar moitos datos e curiosidades sobre a historia de Ponteareas. En total son 1.114 números que suman 4.628 páxinas desde o seu primeiro número editado o 5 de setembro de 1908. O Tea é un xornal que constitúe unha fonte de documentación esencial para a historia de Ponteareas e da comarca do Condado, ademais de facilitar información sobre a emigración galega.

O xornal “El Tea” destinado a un público popular e rural incluía contidos de fútbol, teatro, actos políticos, suplementos e artigos de enfermidades, entre outras temáticas. Nas súas páxinas atopamos información da chegada de avances técnicos a Ponteareas como a luz eléctrica, primeiro á vila e logo ás parroquias. Ademais das da comarca, recollía noticias de cidades con colonias de emigración como Lisboa, Buenos Aires ou Baía, nas que tamén tivo unha boa acollida O Tea. Toda esta información, tan interesante para os e as ponteareás, está a súa disposición en : www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es