Gala de Clausura do III Festival Groba coa estrea absoluta da obra “O xílgaro e o picapau”, do mestre Groba

Rogelio2c André e XoelA emoción encheu o Auditorio Reveriano Soutullo este venres, día 14 de agosto, na clausura do Festival Groba, nun auditorio ateigado de público e totalmente entregado. O concerto abriuse coa interpretación de Sarah Wang, alumna dos cursos realizados este ano, que con só 12 anos impresionou aos asistentes coa súa habilidade ao violín. A continuación, a Orquestra de Cámara Galega pechou a sesión con obras de Vivaldi (acompañada pola cellista Helena Poggio) e de Rogelio Groba, coa estrea absoluta dunha das súas composicións “O xílgaro e o picapau”, coa intervención como solistas André Cebrián á frauta e Xoel González ao xilófono, así como unha obra de Holst.

O público, que completou o aforo, aplaudiu con entusiasmo durante as intervencións, ata o punto de que a orquestra viuse obrigada a realizar dous bises. O último deles, unha magnífica adaptación de “Negra sombra” realizada polo compositor homenaxeado, Rogelio Groba Groba.