“Gala da Lingua” para Xela Arias en Ponteareas

O Concello de Ponteareas homenaxeará a Xela Arias e ás Letras Galegas este luns, día 17, a partir das 19 h na sala multiúsos do auditorio municipal. Esta gala, que estará presentada pola especialista en Comunicación e investigadora ponteareá Anabel Antela Castro e que será acompañada por unha intérprete en lingua de signos, terá como fío vertebrador unha homenaxe á escritora de Sarria, Xela Arias. O acto contará con música e poesía dedicadas ás nosas letras grazas ao poeta Samuel Merino e ao músico Fernán Permuy.

 

Neste acto de homenaxe á lingua galega, entregaranse, por unha banda, os Premios “Ponteareas, Lingua e Empresa” 2020, que recoñecen o labor de persoas e empresas que, día a día, usan, como é normal, lingua propia para comunicarse cos e coas súas consumidoras ao tempo que son motores da lingua na nosa sociedade, desde o sector empresarial. Os premios concédense nas categorías de longa traxectoria no uso da lingua galega, uso continuado e recente incorporación ao uso da lingua. O premio consistirá nunha escultura creada para estes premios polo escultor ponteareán Silverio Rivas.

E, por outra, tamén serán entregados os Premios dos VI Xogos Florais. Este certame de poesía, que comeza a se consolidar dentro do panorama literario do país, agraciará a creación en lingua galega nas súas dúas categorías: xuvenil e de adultos.

 

“Esta gala será a actividade e o acto central do día grande de Xela Arias” sinala Fernando Groba, concelleiro das áreas de Lingua e Cultura. “Deixamos para esta importante ocasión a entrega dos Premios «Ponteareas, Lingua e Empresa» e os galardóns das persoas agraciadas na VI edición do certame poético dos Xogos Florais. E acompañámolos dos versos e dos textos maxistrais que nos deixou a poeta, tradutora, editora e profesora luguesa para as nosas Letras e para a nosa lingua”, engade.