A primeira xeira, o sábado 19, será adicada a recuperar a visibilidade das mulleres na historia da música galega e a segunda, o domingo 20, á recuperación da obra do compositor ponteareán
Contan coa colaboración da Concellaría de Cultura e Lecer, coordinada por Hortensia Bautista que entende que “hai que pór de relevo o papel da muller ao longo da historia e, neste caso, da historia da música”
O Conservatorio de Ponteareas acollerá os vindeiros 19 e 20 de outubro unhas xornadas en memoria do compositor ponteareán. A quinta edición da Xornadas Soutullo é un simposio de musicoloxía, organizado pola Fundación Reveriano Soutullo, coa colaboración do Concello de Ponteareas e da Xunta de Galicia.
Unha fin de semana dedicada nesta ocasión ao papel da muller na música ata o primeiro terzo do século XX, amais dun dos músicos máis sobranceiros da vila. Reveriano Soutullo chegou a lograr o prestixio internacional e a súa obra “Amores de Aldea”, que ten máis de cen anos, unha zarzuela estreada en Madrid o 16 de abril de 1915, chegou a cruzar o Atlántico, sendo interpretada en Cuba ou Arxentina.
“Trátase de dar un paso na visibilidade da muller na historia da música e somos conscientes que falta moito por facer e estase ao principio do camiño”, indica María Rosa Arija Soutullo, presidenta da Fundación. “Imos estrear tres obras de compositoras galegas: Fantina Soutullo, Cándida Valiño e María Luísa Sanjurjo de Oza”, engade. Amais, pola palestra pasarán a investigadora Lorena López Covas, que falará da proxección da muller dentro da música en el siglo XIX en Galicia e a súa invisibilidade social; Rosario Martínez e Beatriz López-Suevos, que disertarán sobre Eugenia Osterberger, compositora galega do século XIX; Carmen Losada, cunha exposición a muller pianista en Vigo; ou Isabel Blanco, que falará das limitacións que as leis tiveron no papel que a muller xogou dentro do mundo da música.
A segunda xornada enfócase xa, coma outros anos, na recuperación da obra de Soutullo, un dos obxectivos prioritarios da Fundación Soutullo. Acompañan os traballos de divulgación, edición e recuperación do patrimonio, que abordan desde diferentes ángulos.