Filgueira Valverde foi “un faro na construción de Galicia”, afirmou Carlos Valle Pérez este mércores en Ponteareas

Carlos Valle e Andrés Sampedro 1Este mércores, día 13 de maio, o salón de sesións da Casa do Concello pontearán acolleu o acto central co cal o Concello de Ponteareas quixo renderlle homenaxe a Filgueira Valverde, achegándose á súa figura grazas a Carlos Valle Pérez, director do Museo de Pontevedra e coñecedor profundo da vida e obra de Filgueira.

Tras a presentación do acto polo concelleiro de Cultura do Concello de Ponteareas, Andrés Sampedro, o doutor en Historia da Arte e director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, pasou a disertar sobre a traxectoria de Filgueira Valverde, co que mantivo unha fonda relación desde moi novo, destacando ao longo da súa conferencia “Xosé Filgueira Valverde: unha valoración”, todos os aspectos da súa vida e obra e o seu fondo compromiso con Galicia, salientando a súa vinculación co Seminario de Estudos Galegos, o seu papel como promotor e defensor do uso do galego, o seu compromiso co galeguismo, o seu labor no Instituto de Pontevedra e na creación do Museo, os cargos de natureza política que desempeñou como alcalde da súa cidade, como conselleiro de Cultura e presidente do Consello da Cultura Galega, as súas facetas como creador literario, estudoso da literatura e de múltiples saberes.Carlos Valle nun momento da conferencia

O edil de Cultura salientou na súa presentación a importancia de poder contar cunha personalidade tan importante como Carlos Valle, quen tanta relación tivo co homenaxeado e que tanto aportou ao longo dos anos ao coñecemento de Filgueira Valverde.

O acto organizado pola Concellería de Cultura, a través do Servizo de Normalización Lingüística, dentro das actividades do Mes de Maio, Mes das Letras, contou con numeroso público que puido gozar dunha maxistral conferencia.