A Feira de Outono de Ponteareas chega á décima edición cargada de actividades

A X Feira de Outono encherá de actividades a Praza Maior de Ponteareas na fin de semana do 3, 4 e 5 de novembro, organizada pola Asociación Xuvenil Galiza Nova, Centro de Recuperación de Cultura Popular e Sindicato Labrego Galego, coa colaboración do Concello de Ponteareas. 

Na presentación da Feira de Outono o seu coordinador, Miguel Bouzó, indicou que “é un orgullo poder celebrar a décima edición desta Feira, recuperada no 2015 co apoio do Concello de Ponteareas tras varios anos sen realizarse por falta de axudas”. Bouzó sinalou que “a intención é que continúe medrado para consolidarse como referencia en todo o país, polo que traballamos na elaboración dun amplo programa de actividades para desfrute de todos os públicos”.  

Neste sentido, as actividades darán comezo ás 20 horas do xoves 2, cunha charla na sala de conferencias do Auditorio Municipal sobre o papel cultural dos cogomelos, impartida pola bióloga da Universidade de Vigo e experta micolóxica, Marisa Castro. O venres continuará a micoloxía cunha charla de identificación de cogomelos a cargo do biólogo e membro do laboratorio de micoloxía da Universidade de Vigo, Gabriel Pérez, que trasladará estas explicacións ao terreo nunha saída micolóxica que partirá o sábado ás 16:30 horas dende o convento de Canedo. Para concluír a xornada do venres na Praza Maior, celebrarase un gran serán de outono.

Na xornada do sábado, máis de 25 postos achegarán á feira os produtos de tempada, tradicionais e ecolóxicos. A feira inaugurarase ás 11:00 horas, e permanecerá aberta de xeito ininterrompido ata as 20:00 horas, repetindo o domingo o mesmo horario. Dende a organización sinalan que os obxectivos da feira continúan a ser “a promoción, potenciación e valorización dos produtos propios do outono, así como a aposta polo consumo consciente, local e de proximidade”. Por este motivo, e como novidade desta edición, ás 12 da mañá do sábado celebrarase unha demostración en directo de cociña con produtos de outono, da man do restaurante local A Xanela gastronómica. Pola tarde continuarán as actividades gastronómicas e pecharase a xornada do sábado con actuacións musicais.

O domingo, para acompañar os postos de venda e exposición de produtos, realizarase unha exposición de cogomelos, na que se poderán contemplar os exemplares clasificados co seu nome común, nome científico e características. Na sesión vermú, o polbo á feira estará acompañado pola música do grupo Ronco&Fol. Pola tarde, dende as 17:30h, dará comezo o tradicional magosto, con castañas, chourizo, pan e viño, e estará amenizado polos regueifeiros Josiño da Teixeira e Bieito Lobariñas. Co concerto do grupo Tanto Nos Ten e o sorteo dunha cesta con produtos dos postos participantes, concluirá a décima Feira de Outono.

Na presentación desta edición, o Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, considerou satisfactorio que “dende que nos comprometemos por parte deste goberno municipal a apoiar a recuperación da Feira de Outono, continúa medrando ano a ano, contribuíndo á dinamización da actividade comercial que supoñen iniciativas como a desta feira”.