Exitosa recepción do Calendario Galego de Ponteareas, ano 2016

Q55A2098Nun salón de Sesións ateigado de veciños, o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, presentaron o martes, día 22 de decembro, o Calendario Galego de Ponteareas 2016.

O calendario do 2016 quere compartir a través de belas instantáneas unha parte de Ponteareas co conxunto da cidadanía e tamén cos veciños residentes fóra da vila nas follas que compoñen os doce meses do ano. Nesta edición preténdese difundir e pór en valor algunhas das construcións civís relevantes do patrimonio arquitectónico, etnográfico e cultural de Ponteareas que, nalgúns casos, malia formar parte do patrimonio protexido, resultan descoñecidas para a maioría da cidadanía e, noutros, constitúen espazos públicos singulares que cómpre destacar.

Todos aqueles que non puideron asistir á presentación, poderán recoller un exemplar de xeito totalmente gratuíto na Casa do Concello, Biblioteca e Centro de Servizos Sociais de Ponteareas. Así mesmo, todos os veciños das parroquias  disporán de exemplares nos seus centros culturais.