Éxito rotunda das “6 horas Vila do Corpus” coa doación de 9.000€ a Down Vigo

 

O concelleiro de Deportes, Benito Márquez, felicita á organización da proba deportiva “6 horas Vila do Corpus” coa que colaborou o concello de Ponteareas polo resultado das cifras acadadas na recadación e que serán doadas á asociación Down Vigo. 

Se nun primeiro momento os Corredores Festeiros e o concello de Ponteareas fixeron entrega dun cheque por valor de 8.500€ ao remate da proba a Down Vigo, a día de hoxe coas contas pechadas, a organización comprácese en anunciar que o total doado será de 9.000€ grazas ás aportacións que seguiron a recibir unha vez rematada a proba.

Duplicando a recadación de fondos solidarios acadada o ano pasado, “6 horas Vila do Corpus” conságrase como unha proba deportiva que aspira fixarse no calendario de toda España tralos bos resultados acadados a nivel organizativo e de obxectivos.

O gañador individual, Marcos Groba do Club Taninos, foi un dos primeiros en dar exemplo doando un euro por cada km percorrido, entregando ao baixa do podium 80€ á Down Vigo. 

Foron moitas as felicitacións que lle chegaron aos Corredores Festeiros tanto pola organización, como pola iniciativa solidaria e o número total de participantes.

250 corredores, cun máximo de 80 correndo á vez, e 35 voluntarios fixeron posible que esta proba urbana e nocturna resultara todo un éxito. 

Os organizadores destacan a alta participación e agradecen a colaboración do voluntariado que superou as expectativas tendo que deixar en lista de espera a moitos e moitas voluntarias que se anotaron e que cos que agardan contar para a vindeira edición.

Corredores Festeiros tamén salienta a entrega da veciñanza de Ponteareas e das casas comerciais así como o apoio do concello de Ponteareas.

“Dende a concellería que dirixo e como ponteareán doulle os parabéns á organización  polo esforzo realizado, pola capacidade de transmitir ilusión e pola iniciativa solidaria que enaltece o deporte”, explica Márquez.