Éxito de participación na xornada inaugural do V Festival Internacional de Teatro de Rúa

A quinta edición do Festival Teatro de Rúa encherá as rúas ponteareás de ledicia até o sábado día 6

As rúas de Ponteareas enchéronse de ledicia na xornada inaugural do V Festival Internacional de Teatro de Rúa. A maxia do Mago Noel e o pasarrúas do “Aviador tolo” conquistaron ao público que ateigou a Praza Fernández Vega e acompañou ao espectáculo itinerante por diversas rúas da vila.

O éxito da primeira xornada reflicte a boa acollida que está a ter un Festival que, segundo o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, “xa está consolidado e logra cada ano manter a fidelidade do público para gozar dunha proposta cultural dun gran nivel nunha vila chea de vida e lecer”.

Nas vindeiras xornadas, o teatro, a música e o circo seguirán sendo os protagonistas nas rúas de Ponteareas, que estes días convértense nos escenarios dun festival que alcanza xa a súa quinta edición.

A segunda xornada do festival comeza este xoves ás 19.00 horas co espectáculo da Compañía Barafunda, que partirá da urbanización “Ponteareas Cidade” ata o Parque da Feira Vella tras percorrer o centro urbano. Ás 19.30 h o público poderá gozar co circo da compañía de Castela e León “El Gran Rufus” e ás 20.30 horas o “Aviador tolo” levará aos asistentes ata o parque das Pombas cun percorrido cheo de interpretación e de música.

A xornada do venres comezará ás 19.00 horas na praza Doutor Fernández Vega da man da compañía galega EducaTeatro e a súa “Festa Xurásica”, que rematará no parque da Perillana ás 19.30 horas, para darlle o testemuño ao espectáculo circense do belga Vanminsel Rudi. Ás 20.30h, EducaTeatro sorprenderá ás e aos asistentes cun novo percorrido teatral que rematará na Praza Bugallal. E, como novidade, este terceiro día do festival rematará cunha nova actuación ás 21 horas, co galego Jano e o seu espectáculo de circo “Sen medidas”.

A última xornada dará comezo tamén ás 19.00 horas co espectáculo “Festa Xurásica” de EducaTeatro cun percorrido entre o Parque das Pombas e o Parque da Feira Vella.  E media hora máis tarde volverá o circo da man da compañía alemá Al Grano & Jahana Hesse. Ás 20.30 horas, EducaTeatro amenizará ao público coa súa “Festa Xurásica” nun paseo ata a Praza Maior. Alí as e os achegados poderán gozar do peche do festival coa actuación musical do grupo Breocáns a partires das 21.00h.