Éxito de participación e implicación na VI Feira das Ciencias

Éxito de participación e implicación na VI Feira das Ciencias

 

Máis dunha ducia de científicas/os e investigadoras/es das universidades galegas participaron na Semana das Ciencias

 

Organizada pola Concellería de Ensino, permitiu a celebración de seminarios para profesorado, saídas didácticas, conferencias e obradoiros

 

Implicación e participación son o mellor resumo da sexta edición da Semana das Ciencias que onte pechou o seu programa cunha ateigada Feira das Ciencias.

 

Na contorna da casa do Concello 23 stands de trece centros educativos dábanse cita para amosar os seus coñecementos científicos. Centos de persoas aprenderon da man do noso alumnado e do seu profesorado demostrando, unha vez máis, o alto interese que suscita esta iniciativa financiada completamente con fondos propios.

 

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, deu os parabéns a todos e todas as participantes polo seu bo traballo e a súa predisposición para aprender e, tamén, para ensinar. “Temos que destacar o alto nivel de participación tanto da comunidade educativa como da cidadanía que se achegou para coñecer os experimentos, ensaios e investigacións que fan a nosa mocidade e a nosa infancia”, sinalou.

 

Cristina Fernández Davila subliñou, ademais, a importancia que ten a Feira das Ciencias para dar visibilidade  a boa parte do traballo que fan os centros escolares de portas cara a dentro.

 

No marco desta actividade procedeuse ao sorteo do patinete eléctrico para o alumnado que participara nas catro conferencias do ciclo das tardes. O alumno do IES Pedra de Auga, Hugo Troncoso, futuro estudante de Física, resultou o gañador deste premio que quixo compartir co profesorado e alumnado do centro no seu stand da Feira.

 

Ao longo desta semana científicos das universidades galegas achegáronse ata Ponteareas ofrecendo ao público a oportunidade de aprender da man dos máis expertos e expertas. Pedro Pablo Gallego, Patricia Muñiz, Juan Picos, David Patiño, Enrique Varela, Jorge Mira, Xana Álvarez, Sergio Quiroga, Pablo Moure, Fernando Castro e Pilar Piñeiro reflexionaron sobre “Sostibilidade e cambio climático” afrontándoo dende distintas perspectivas e sectores quedando claro que todos e todas somos responsables, todos e todas somos parte activa e de que toda a cidadanía pode contribuír no seu día a día na protección e coidado do noso planeta.

 

“Temos que agradecer a todas as nosas persoas científicas, investigadoras, expertas e emprendedoras a súa participación. É un auténtico tesouro poder asistir completamente de balde a estas clases maxistrais”, engadiu a alcaldesa.

 

Pero tamén houbo tempo para obradoiros como o de “Xogando coas dimensións e a xeometría” do profesor e físico-químico Xabier Prado, ou o da coordinadora de grao de Educación Primaria, María Lorenzo “A Maleta dos Océanos”. Ademais o alumnado participou na saída didáctica polo río e o profesorado no seminario impartido no CIFP A Granxa. Para os máis cativos e cativas houbo contacontos e animación nas prazas da vila.

 

Por último o Concello agradece a colaboración de empresas e comercios de Ponteareas, como Confitería Ancla e froitas Carlos e froitas Santy, así como do resto de comercio local que sempre recibe con interese as actividades do noso alumnado.