Éxito de convocatoria dos actos informativos da Unión Europea en Ponteareas

O concello de Ponteareas acolleu onte as xornadas informativas da Unión Europea que, en dúas convocatorias, mantivo reunións coa mocidade, veciñanza e representantes de colectivos sociais, culturais, comerciais, medioambientais e empresarias, entre outros sectores.

Nun acto aberto e participativo os e as ponteareás trasladaron as súas impresións sobre a xestión da Unión Europea a Teresa Frontán, xefa de comunicación da Comisión Europea en España, e a Pedro Pereira, director de campañas de comunicación da mesma comisión. Tamén lles manifestaron as súas inquedanzas e preocupacións respecto a problemáticas internacionais como o Bréxit e o acollemento de refuxiados amosando unha alta participación e interacción.

 

A situación dos autónomos en España, o abandono do rural, as becas para estudos e moitos outros temas dos que os e as pontearéas formularon preguntas que obtiveron resposta e orientación por parte dos representantes da UE que tamén tomaron nota daquelas cuestións que precisaban que maior afondamento.

O goberno de Ponteareas quere felicitar a todos os participantes dos dous encontros pola súa boa resposta e interese nestes actos.

“Unha vez máis estamos na axenda de Europa e como Alcalde e en nome de todo o goberno quero agradecer e felicitar a todos os asistentes aos dous actos, en especial á nosa mocidade que amosou ter un alto de nivel de inquietud intelectual”, manifesta o Alcalde.

Despois do encontro goberno e representantes europeos quedaron emprazados para novas colaboracións e proxectos dos que iremos informando.