Éxito de asistencia na oitava edición da Feira de Outono

Ponteareas acolleu a centos de visitantes nun evento onde a micoloxía e os postos de produtos tradicionais e ecolóxicos foron a principal protagonista

vii-feira-outonoA Feira de Outono, que non se celebraba en Ponteareas dende o ano 2009, celebrou a súa oitava edición contando cun éxito de asistencia de público e coa presenza de numerosos postos gastronómicos, algúns deles de bastante prestixio, que ofreceron produtos tradicionais e ecolóxicos en forma de mel, galletas, millo, chocolate, queixo, viño, pan, rosquillas, requeixo, mirabeis, horta, cervexa, licores, polbeira e pizzeiro.

Unhas das grandes atraccións deste ano foi a exposición micolóxica, que contou coa mostra de 90 variedades de cogomelos diferentes. Varios membros do goberno local, entre eles o alcalde, Xosé Represas, e a primeira tenente de alcalde, Chus Garrote, estiveron presentes nun evento que tamén ofreceu aos asistentes a posibilidade de gozar con actuacións musicais, unha ruta gastronómica por diferentes locais da vila ou un magosto, entre outras actividades.

Unha feira de outono que o goberno local ten a intención de seguir promovendo nos vindeiros anos, e que nesta edición foi organizada polo Centro de Recuperación de Cultura Popular, a Asociación Xuvenil Galiza Nova, a Casa Cultural de Arcos e o Sindicato Labrego Galego, ademais de contar coa colaboración do Concello de Ponteareas.