Éxito das mulleres de Ponteareas no xadrez

O concelleiro de Deportes, Benito Márquez, felicita á xogadora de xádrez Yudania Hernández Estévez que dende o 11 de abril e ata o 22 deste mesmo mes disputa en Antalya, Turquía, o campionato de Europa feminino de xadrez, como representante da selección española.

Yudania, veciña de Ponteareas, é varias veces campiona de España de Xadrez tanto en categoría individual absoluta como por equipos. Ademais, é profesora e adestradora no Club Xadrez Ramiro Sabell de Ponteareas que onte da man da xogadora Antía Reboredo Barrosa acadou o primeiro posto no campionato galego de xadrez na categoría sub 8 anos que se celebrou en Padrón.

Dende hai xa seis edicións, Yudania é a directora do torneo de xadrez escolar, incluído no torneo galego de promoción deste deporte que terá lugar en Ponteareas o vindeiro 17 de maio coincidindo coa celebración do día das Letras Galegas.

Dende o Club Xadrez Ramiro Sabell animan a toda a veciñanza a achegarse ao club para desfrutar deste entretido “deporte-ciencia”.