A oficina municipal de voluntariado, dependente da concellería de Mocidade, que dirixe Miguel Bouzó, anima a toda a veciñanza a participar nunha nova cita do compromiso “Venres polo planeta”.
Coa firme decisión de cambiar o rumbo e de comezar a protexer o noso patrimonio medioambiental e enmarcada nas accións deseñadas para frear o cambio climático, este venres día 13 todas e todos podemos participar na limpeza da Freixa de 16 a 18 horas.
Dúas horas nas que as voluntarias e voluntarios participantes deixarán claro que o futuro que queren é sostible e respectuoso co noso planeta.
Coa intención de rematar o traballo comezado nunha anterior xornada de limpeza, todos e todas actuarán para demostrar que é posible e que tan só fai falta un pequeno esforzo e uns hábitos cotidiás que atenúen o impacto da nosa sociedade na Terra.
O punto de encontro é a propia praia da Freixa e tan só é preciso ir equipados de luvas e botas e confirmar asistencia inscribíndose no enderezo electrónico voluntariado@ponteareas.gal ou no número de teléfono 687 764 516.
Miguel Bouzó explica que un venres de cada dous a mocidade e o voluntariado limpou un recuncho do noso patrimonio natural neste último trimestre de 2019. O concelleiro xa estuda novas iniciativas para o vindeiro ano.
Este é unha das accións que a concellería de Miguel Bouzó pon en marcha para dar cumprimento ao aprobado en sesión plenaria ordinaria para incrementar as accións encamiñadas a frear a crise climática.
Os “Venres polo planeta” camiñan na liña da estratexia de futuro “Ponteareas, Hábitat Saudable” e promove a participación e a implicación na procura dunha vila máis sostible e respectuosa co medio ambiente.