Este sábado teatro no auditorio

A concellería de Cultura que dirixe Hortensia Bautista convida a toda a veciñanza ao teatro este sábado día 2 de febreiro ás 20 horas. “Raclette” de Ibuprofeono Teatro foi merecedora do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais.

Unidos arredor dunha raclette cinco personaxes forman un complexo mosaico urbano que provoca un choque entre visións do mundo que se volven incompatibles pero que han convivir a pesar das diferenzas. Cinco universos que reflicten as contradiccións dunha sociedade enferma que devora os seus integrantes. 

A adquisición de billetes poderá facerse o venres de 11 a 14 h e o sábado de 11 a 14 h e dende ás 17 ata o comezo do espectáculo. Poderánse reservar localidades no correo auditoriomunicipal@ponteareas.gal ata as 14 h do sábado día 2, e retiralas andes desa hora.

Esta é unha das seis obras enmarcadas dentro do convenio que a concellería  de Cultura ten coa Rede Galega de Teatros e Auditorios. Por terceiro ano consecutivo a concellería de Cultura en colaboración con AGADIC ofrece dentro da súa programación algunhas das obras máis importantes do panorama galego.