Este luns temos unha cita na Praza Maior co noso mestre composteiro

A concellería de Medio Ambiente informa que de 10 a 13 horas haberá un posto informativo sobre compostaxe no que ademais se agasallará unha bolsa de compost e unha planta

A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo, no marco do programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra, colocará un posto informativo sobre compostaxe na praza Maior este luns 14 de 10 a 13 horas.

O noso mestre composteiro, Luis Abollo, atenderá a todo o que se achegue polo posto para ofrecerlle información sobre o proceso da compostaxe e a importancia de contribuir.

No posto informativo explicarase a correcta utilización dos composteiros comunitarios. En Ponteareas temos dous composteiros comunitarios, un no parque da Perillana e outro na Feira Vella aos que se pode acceder a calquera hora do día e depositar residuos orgánicos (posos de café, mondas de froita, restos de comidas elaboradas ou sen elaborar e todo o que xeneramos na cociña dos fogares).

Ademais, co apoio de dous mestres composteiros da Deputación, agasallarán a cada persoa unha bolsa de compost e unha planta.

Luis Abollo salienta que nas nosas dúas composteiras tratáronse neste ano oito toneladas de residuos orgánicos obtendo un compost de calidade excelente que foi repartido entre a veciñanza. Este compost tamén se empregou para aboar e fertilizar as plantas dos xardíns municipais.

Ao longo do ano, o noso mestre composteiro tamén ofreceu charlas e información entre os colectivos locais, voluntarios e veciñanza en xeral. Nos vindeiros meses, ampliarán esta faceta informativa chegando aos centros escolares e resto de colectivos.

Rosa Covelo fai fincapé na importancia de implicarse dende os fogares co primeiro paso de separar os residuos para que cada un vaia ao colector axeitado, “se cada un de nós separa na casa, ese resíduo irá ao destino que lle corresponde e poderá ser reciclado ou tratado axeitadamente”. Reducir, reutilizar e reciclar son as máximas que debemos ter en conta tanto cando mercamos como cando xa nos desfacemos dos produtos, só así poderemos contribuir á nosa estratexia de futuro “Ponteareas, Hábitat Saudable”.