Escolares e comerciantes dín “Non” ás violencias machistas

A Concellería de Benestar Social, Igualdade e Mocidade, que dirixe Verónica Carrera, realiza esta semana varias actividades con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Ao longo destes días, en colaboración coa Concellería de Comercio os e as cidadáns poderán ver nos escaparates e mostradores do comercio de Ponteareas as ilustracións do II Concurso de Debuxo contra a Violencia de Xénero realizados polos escolares dos centros públicos e concertados de Ponteareas o ano pasado. Nesta edición, arredor de 180 locais comerciais de Banastra quixeron amosar o seu rexeitamento contra a violencia de xénero. 

O concurso establece duas categorías, primaria e secundaria. O vindeiro 25 de novembro terá lugar a entrega dos premios aos gañadores da tercera edición no salón de plenos do Concello de Ponteareas consistentes nunha tablet e material escolar. Ademais, ás 11 horas os alumnos do IES Val do Tea, do IES do Barral e do IES Pedra da Auga lerán o manifesto redactado por eles mesmos.

Toda a cidadanía implicada

O venres 17 de novembro a partir das 16:30 horas terá lugar no salón de plenos a xornada multidisciplinar contra a violencia machista. Ao acto asistirán, ademais do Alcalde de Ponteareas e da Concelleira de Igualdade, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López, a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a Deputada de Igualdade Isaura Abelairas. 

A Concelleira de Igualdade convida a todos os veciños e veciñas a participar nesta xornada na que intervirán un representante da Comisión Especial de Violencia de Xénero da Garda Civil, Carlos Tajes; a orientadora laboral, Isabel Ilán, a avogada especialista en violencia de xénero, Isabel Blanco e Alicia Peralejo, Presidenta  de CEAVIGAL (Centro de Acción contra a Violencia de Galicia).