Entrega de diplomas dos cursos da Aula CeMIT do Concello de Ponteareas

IMG_4520O pasado venres, día 12, o salón de sesións do Concello de Ponteareas acolleu a entrega de diplomas dos cursos da Aula CeMIT do Concello de Ponteareas nos que participaron máis de 228 alumnos nos 30 cursos que se impartiron de xuño a decembro de 2014, sumando un total de máis de 1500 horas de formación. Estas accións formativas estiveron dirixidas a todo tipo de público, desde os máis cativos aos mais maiores, impartíndose cursos de iniciación á informática, de retoque fotográfico, de iniciación a internet, de iniciación á informática para menores, fotografía dixital ou elaboración de presentacións, entre outros.

Esta aula CeMit de Ponteareas, situada no Centro de Servizos Sociais, totalmente preparada e acondicionada polo Concello de Ponteareas, conta co apoio da Xunta de Galicia, e desde a súa posta en marcha acolleu a máis de 1500 usuarios que levan participado nas distintas accións formativas que se programaron desde a Concellería de Novas Tecnoloxías, que dirixe Alberto Novoa Iglesias.

O goberno local, consciente da necesidade de formación neste campo e ante a gran demanda destes cursos por parte da cidadanía continuará programando durante o 2015 novas accións formativas, de xeito totalmente gratuítas, tanto para nenos como para adultos.